Dende Sorex, Ecoloxía e Medio Ambiente SL ofrecémoslles os nosos servizos en materia de medio ambiente e xestión de recursos naturais. A nosa formación como Biólogos e os nosos anos de experiencia en traballos de xestión de recursos naturais e medio ambiente nos permiten ofrecerlles os seguintes servizos:
Un dos principais obxectivos de Sorex, Ecoloxía e Medio Ambiente son os estudios de carácter científico. Ao longo dos últimos anos temos levado a cabo varios proxectos de investigación a nivel nacional. centrados no coñecemento das comunidades de vertebrados de varios espazos protexidos, a súa ecoloxía e o seu estado de conservación e ameazas.
Nos últimos anos traballamos na toma de datos e na elaboración de inventarios de flora e fauna, para máis de 50 Estudios de Impacto Ambiental (EIA) e informes ambientais para Parques Eólicos, Minicentrais Hidroeléctricas, Liñas de Alta Tensión e Vías de Comunicación.
Así mesmo, temos realizado seguimentos ambientais e campañas cero en Parques Eólicos e Liñas de Alta Tensión mediante a aplicación de distintas metodoloxías de censo (transectos lineais, estacións de escoita, estacións de observación, etc.), así como mostreos para a avaliación da incidencia destas infraestruturas sobre aves rapaces, paseriformes e quirópteros.
Dende a nosa premisa de que hai que coñecer para protexer tentamos levar a diante proxectos que nos permitan educar á sociedade nuns valores de respecto polo medio natural. Por este motivo, tanto na planificación e deseño de roteiros interpretativos como no deseño e elaboración de material didáctico ambiental: paneis, cadernos de campo, guías de fauna e flora, etc.; buscamos transmitir os nosos valores pola conservación do medio natural e etnográfico do territorio.
Consideramos que a nosa experiencia profesional é unha gran base para a formación das novas xeracións. Por este motivo dedicamos un gran esforzo ao desenvolvemento de actividades educativas colaborando con distintas entidades que promoven a educación ambiental e científica.
Centramos as nosas propostas formativas na aplicación das novas tecnoloxías á toma de datos en campo e á formación básica na bioloxía e ecoloxía das especies, así como nas distintas técnicas de mostreo aplicables nos estudos de fauna.